FRAGA, candidato fracasado en Madrid e ministro de Franco en Galiza


Gustavo Luca [xornalista]
A Fraga botouno, como xefe da oposición en Madrid, o seu propio partido. Esgotáranselle todos os recursos: o insulto aos nacionalistas, contar chistes nas Cortes, aceptar entrevistas en programas de humor, renovar por idade o que el chamaba "o governo na sombra". O voto non chegaba. "É o mellor pero non lle votan porque asusta", dicía o seu equipo.

Fraga sabía a verdade: "non me negan o voto a min, néganllo a Franco". Outros candidatos marcaban distancias coa Ditadura mentres el buscaba un "franquismo sociolóxico", algo parecido a un peronismo sen Perón. Adoitaba repetir que acabarían levando a Franco aos altares.

Unha canonización que talvez o alcanzase a el mesmo como ao can de San Roque: fora voluntario na masacre de Vitoria, onde daba ordes á tropa desde o Goberno Civil, mentres mantiña o engano de que se atopaba en Bonn; defensor da tortura e asasinato de Grimau, das malleiras aos folguistas de Langreo e do corte de pelo ao cero ás súas mulleres; falsificador dun perfil de suicida para o estudante Enrique Ruano, arroxado pola escaleira polos gardas; ordenante dunha malleira de madrugada, case mortal, para José Antonio Novais, polo delito de ser correspondente de Le Monde, ameazado polo poderoso ministro en vociferantes roldas de prensa; dinamitador do diario "Madrid" e responsabel de asedio e multas insoportabeis para 550 publicacións.

Cando alguén lembraba estas medallas, o seu gabinete protestaba: "É certo que o seu carácter traizooulle moitas veces, mais é honrado". Habería que recordar con que xeneroso desprendemento saldaron o Sahara nos Acordos de Madrid. Non unha industria do INI cedida a un banco, non un daqueles fabulosos contratos do BOE franquista, senón un país enteiro. Fraga presidía a mesa de liquidación.

O Estado non lle cabía na cabeza, como aínda repiten os seus, senón nun ficheiro do CESID ao que tiña acceso directo. Fraga creou un goberno paralelo conectado aos servizos de información. Estaba mellor informado que a contorna de confianza de Franco. Aínda asi, o Ditador utilizouno e logo entregoullo ás feras do Opus Dei.

Despois de Franco mantivo a súa rede de información, mais iso non lle conseguía votos. Até o día en que a Romay Beccaría se lle ocorreu procurarlle un "destinito" en Galiza. Antes, cando xa estaba queimado como candidato á Moncloa, ofrecéronlle a Alcaldía de Madrid mais el disolveu o consello con voces e lanzamento de cinceiros.

Ao goberno do seu partido, díxolle: "Vou a Galiza cunha condición: esixo maioria absoluta". Unha maioria que el mesmo consideraba inalcanzabel para a Moncloa lle parecia doada en Galiza. O seu plan consistía en preparar unha saca de 850 votos de emigrantes en Venezuela que aplicados ao exiliado censo de Ourense prometían os 4-5 escanos de seguridade sobre enquisas. De feito, Fernando González Laxe, candidato do PSOE, teríao superado en votos de non darse a trampa de Ourense. Cuevas garantiu a Fraga unha campaña sen teito de gasto a cambio da subvención de plantacións de eucalipto e o bloqueo indefinido do Plan Forestal anunciado polo PSOE. Unha pavorosa campaña de incendios cargaba de pólvora a campaña do ministro contra os seus adversarios e estendía enormemente a especie ignífuga cobizada pola CEOE.

O voto anómalo dos emigrantes de Venezuela por Ourense en 1989 apareceu colgado na páxina do PP até que alguén do propio partido comprendeu que era, máis que un trofeo eleitoral atribuído ao Xefe, o recoñecimento dunha fraude electoral.

Os fondos do FEDER facilitaron a Fraga sucesivas campañas millonarias con informativos e portadas comprados, transporte masivo de votantes de idade e novas sacas de voto emigrante. Un acta de deputado autonómico da esquerda custaba cen veces máis votos que un escano do PP. Fraga non citou nunca en Galiza a palabra democracia. É que cabía esperar outro discurso dun ministro de Franco e de Arias Navarro que adoitaba presumir da súa biografía de fascista?. A modernización proposta a Galiza foi, de feito unha grande privatización con comisións para o partido. O clientelismo da Restauración foi reconstruído con prensa dunha soa tendencia, contratas millonarias, deserción do parlamento autonómico. A recuperación do idioma propio de Galicia, obxectivo central do Estatuto de Autonomía, foise convertendo nunha caza de bruxas dos profesores galego-falantes.

Hoxe Galiza ten o indice de paro e emigración xuvenil máis alto da UE. A povoación é a máis envellecida do mundo. O nivel de asistencia sanitaria pública e as pensións, son as máis baixas de todo o Estado. Os medios de comunicación privados e os do Governo Autonómico están ao servizo do Partido Popular. Nun ano fecharon todos os medios escritos de información diaria en Galego: tres xornais e tres sitios electrónicos.
[17 de Xaneiro de 2012]